jueves, 1 de abril de 2010

Concurso Moxenas 2010

BASES DO CONCURSO



FOLLA DE INSCRICIÓN



PEZA "A LARANXEIRA"

jueves, 13 de agosto de 2009

4ª Noite Máxica en Lorient

.
Podedes ver unha galería de imaxes completa desta Noite Máxica.

Esta foi a cuarta e última Noite Máxica do festival. A representación galega volveu por última vez neste ano ao escenario do estadio do Moustair para despedirse de todo o público que durante tantos días ateigou as bancadas para asistir a tan grande acontecemento.

Nas portas de saída ao estadio, os membros de Moxenas e Airiños de Fene comparten un último momento de distensión e ambientación antes da actuación.
Lorient revélase como o máis grande festival europeo da cultura céltica. Para os nosos rapaces e rapazas foi algo extraordinario nas súa vidas convivir ao lado de tanta xente coa que mantén un lazo tan común: a música.
Unha música que compartimos as culturas atlánticas e que xira ao redor das distintas formas e expresións da gaita como instrumento principal e as danzas e cantos de cada lugar.
Foi unha convivencia das chamadas nacións celtas, nun punto de encontro intermedio para todos os países participantes:
Galicia-Asturias, Bretaña, Irlanda, Gales, Escocia, Illa de Man, Cornualla.


Puidemos comprobar o querida que é Galicia para todos eles e o considerada que está a nosa cultura tradicional, así como a expresión particular da nosa tradición. Abodaba dicir "nous sommes galiciens" e todas as portas se abrían para un trato amable e atento. Os nosos traxes tan variados e vistosos, a instrumentación máis tradicional. Unha instrumentación que sempre esperta a curiosidade dos integrantes doutros grupos europeos, e que mesmo algúns deles volven recuperar (vede este conxunto galés). Nesta ocasión algúns integrantes escoceses dixéronnos que no seu país hai grupos que están volvendo á pel nas percusións.

Aquí tendes un vídeo atopado en Youtube

Este intercambio de formas culturais, de convivencias, de rostros que acentuaban nacionalidades concretas, de vestimentas, de sonoridades... todo isto foi unha gran riqueza que os nosos rapaces toruxeron para a casa e que permanecerá con eles para sempre.

Coma todas as noites, o festival no estadio despedíase co famoso Amazing Grace:

sábado, 8 de agosto de 2009

Concerto no Espace Marine

.

.

O xoves 6 de agosto, no Espace Marine de Lorient, un dos lugares habilitados para os concertos do festival, Moxenas Musical Galego subiu ao escenario a ofrecer un concerto ao público que enchía case por completo o inmenso recinto. Estes concertos que hai polas tardes son moi apreciados polas persoas asistentes ao festival.

Tanto o escenario coma a capacidade para os espectadores estaban moi mellorados respecto ao ano 2006. Megafonía, luces, tamaño do escenario... realmente crearon un bo espazo para concertos.


Moxenas soou con gran claridade e potencia, enchendo cos seus sons cada recanto do auditorio. Peza tras peza, a desenvoltura do grupo foi gañando o asombro e aprobación dun público que ao final ovacionou posto todo el en pé a maxistral interpretación dos nosos músicos. A Barroca foi memorable, e non só fixo afervoar os ánimos daquel público vido de toda Europa ao festival, senón que mesmo emocionou os propios músicos mentres a interpretaban; e non faltaron bágoas de alegría nalgunha meixela das nosas pandeiteteiras.

Para algúns destes músicos de Moxenas, este salto a Europa é algo que desborda as súas emocións: a entrada no estadio nas Noites Máxicas, o desfile de todas as nacións celtas por Lorient, o concerto do Espace Marine cun auditorio tan inmenso coma entregado á nosa música...

3ª Noite Máxica

.

Moxenas continúa coas súas actuacións nocturnas no estadio ao lado das mellores bandas europeas.
E delegación musical galega está formada por tres agrupacións: o grupo de música e danza Xacarandaina da Coruña, o grupo de gaitas Airiños de Fene e Moxenas Musical Galego.
Montamos un espectáculo conxunto de música e danza con cerca de cen artistas no escenario. Deste xeito, Galicia ten unha das representacións máis numerosas do festival.

Impresiona presenciar todo un espectáculo celta europeo cunha calidade de posta en escena que desborda os sentidos: un son impecable e de gran potencia para chegar con toda a calidade posible a todo o estadio, unha iluminación que fascina en cada tema que se interpreta, tal como podedes apreciar na galería de imaxes.

Podedes ver unha galería de imaxes desta Noite Máxica

Actuación en Lanester

.
Lanester é unha vila próxima a Lorient. Dende alí fomos solicitados para participar nunha actuación para toda a vila no pavillón municipal. Xunta nós tamén actuaba a "bagad" da propia vila.
A entrada no recinto realizouse dende o exterior entrando en desfile. Nos preparativos de afinación había ambiente de alegría entre os integrantes de Moxenas.

No interior do estadio, o foro estaba completo. A vila, igual ca en Lorient, vive cunha gran entrega e participación estas expresións musicais.
Miguel marcou un espléndido solo de tambor durante varios minutos que foron o fervor do público.
Repertorio festivo de Moxenas, que arrincou o aplauso unánime e agradecido dun público que gozou do descubrimento dunha música galega, diferente ás súas "bagad", mais cun aire común de gaita que nos entronca coas cosas raíces comúns.

Podedes ver unha ampla galería de imaxes.

2ª Noite Máxica do Festival

.
Esta foi outra das grandes intervencións do noso grupo no festival. Esta vez os nervios da primeira noite xa non eran tan grandes. Os rapaces ían collendo desenvoltura e familiaridade cun evento e un escenario tan grandes.
No túnel de entrada os rostros eran máis distendidos, máis alegres e confiados. A primeira noite, a pesar dos continuos ensaios de saída, disposición no estadio, etc., nunca se sabía moi ben como ía resultar todo.
Agora xa todo o mundo sabía por onde debía desenvolverse, como dispoñerse ben no escenario, como desfilar para entrar e para saír.
A saída, coma sempre, a operación máis complicada: dúas liñas divididas, moi distantes entre si, sen apenas oírse unha á outra, debían desfilar sen perder os ritmos da melodía, cruzarse no centro, separarse de novo ata non escoitarse unha á outra, e volver a xuntarse para saír.
Samuel, o bombeiro tivo que empregarse a fondo para facerse escoitar en todo o estadio polos seus compañeiros co ebxectivo de que, ao estaren as filas tan separadas e non escoitarse entre si, non se perdesen os ritmos dunha e outra fileira.

Podedes ver unha galería de imaxes máis completa.

Actuación de Xacarandaina na Noite Máxica

jueves, 6 de agosto de 2009

Moxenas acompaña a delegación municipal do BNG de Vigo no concello de Lorient


.
Vigo e Lorient están irmandadas dende hai moitos anos e nesta ocasión, coincidindo con que o Festival dedica este ano a Galicia, unha delegación do grupo municipal do BNG de Vigo, formada por Santiago Domínguez,Xesús López e unha técnica de turismo, acudiu a Lorient, en visita institucional, para reforzar os lazos da irmandade que existe entre as dúas cidades.
Moxenas Musical Galego participou no acto de encontro entre o alcalde de Lorient e o tenente alcalde de Vigo, Santiago Domínguez, ás portas da casa do concello da cidade.

Podedes ver unha galería de imaxes deste acto.

O tenente alcalde de Vigo visita Moxenas Musical Galego en Lorient

.
O tenente alcalde de Vigo, Santiago Domínguez, acompañado do concelleiro de cultura, Xesús López, e a súa técnica de turismo, realizou unha visita á agrupación Moxenas mentres realizaba un dos seus ensaios para o concerto do xoves día 6 no "Espace Marine" de Lorient.
Durante o tempo que pasou connosco escoitou dúas pezas polas que mostrou gran satisfacción.
Dende Moxenas tamén lle mostramos o noso agrado por esta visita e informámoslle da participación de Moxenas en distintos concertos e actividades na cidade de Lorient, así como da especial participación en catro Noites Máxicas que se celebran durante o festival no estadio municipal de fútbol da cidade.
Esta noite a delegación municipal viguesa terá a oportunidade de presenciar o prato forte do festival, a Noite Máxica.

Podedes ver unha galería de imaxes neste enlace.

miércoles, 5 de agosto de 2009

1º Noite Máxica en Lorient

.


Ver Galería de imaxes da Noite Máxica

Durante a tarde os rapaces estiveron cos últimos repasos da actuación con Airiños de Fene no espectáculo das Noites Máxicas, primeiro no liceo e, a seguir, no propio estadio. Duro traballo que só tivo o seu descanso para a cea. A continuación volver ensaiar no patio do liceo. Nervios a flor de pel, incertezas, pero a profesionalidade e rigor dos dous directores das bandas imprimiron ese punto de confianza de que todo ía saír ben.
E así foi. Moxenas e Airiños de Fene saíron con forza e decisión ao terreo do estadio de Lorient onde sabían que xogaban a imaxe que tiñan que dar de si mesmos e do país ao que representaban. Un espectáculo musical completado polos bailes de Xacarandaina no escenario central, cun remate musical conxunto con desfile de saída final. Misión cumprida nesta primeira noite. Galicia encheu o gran espazo musical de Lorient proxectando o mellor de nós mesmos.

A tirada de fogos final baixo unha fina chuvia puxo o broche desta Noite Máxica. Unha experiencia nova, emocionante e intensa para a maioría do grupo, mais unha proba de maduración profesional que levarán consigo para a súas casas. Mañá temos día libre, así que esta noite vai ser longa e celebrada no liceo.



Actuación de Xacarandaina


Saída do estadio

Faro de Vigo informa da viaxe de Moxenas a Lorient


.


O martes 4 de agosto, no suplemento "Vigo por los 4 costados" o xornal Faro de Vigo dá conta da viaxe do noso grupo a Lorient.
Salienta na noticia que Moxenas vai estar presente durante todo o festival participando en numerosas actuacións e acontecementos.

Lido detidamente, teredes unha descrición bastante completa do grupo e das súas características.

martes, 4 de agosto de 2009

5º día, a Gran Parada e a Noite Máxica

.
Día intenso, longo e emocionante para Moxenas hoxe.

Aquí tendes unha galería de imaxes
da Gran Parada con 53 fotos

Tamén podedes ver un vídeo oficial da organización, cun resumo de todos os grupos.

Gran Parada

A hora de erguerse foi ás 6.45 h. Ás sete e vinte todos no comedor almorzando. Preparación e saída para o lugar de partida da Gran Parada. As rúas ateigadas de público nos dous quilómetros de percorrido polo centro da cidade; un público entregado e espectante ante o ritual que cada ano convoca a incontables milleiros de persoas que acoden a Lorient para participar e asistir ao encontro intercéltico máis importante que hai.
A emoción gurgullaba nos rostros de cada membro de Moxenas. No lugar de saída, para temperar non só os instrumentos senón tamén os ánimos, Adrián rompeu a bailar levando consigo a varias compañeiras provocando a admiración do público que os arrodeaba. Os bailes galegos son únicos, fermosos e moi variados.
Arranca a marcha. Abren a comitiva as bandeiras de todos os países participantes, comandadas pola bretoa e a galega xuntas, irmandadas.
Detrás unha “bagad” anfitrioa e seguidamente Moxenas. A seguir todas as demais agrupacións ata completar un total de 74. Ao igual ca en 2006, o noso grupo está na cabeceira da comitiva no gran desfile de bandas. Os altofalantes van informando ao seu paso das características do grupo, a súa orixe veciñal (“associations de quartier”) e os datos máis salientables da banda.

A chegada ao estadio foi aplaudida polos milleiros de persoas que ateigaban as bancadas. Despois do remate do seu pasarrúas, o grupo asistiu á chegada da maioría das demais bandas, ata que chegou a hora de xantar. Agardaba unha longa tarde de preparación para a Noite Máxica de hoxe.

Festa no liceo.
Ver galería de imaxes
Despois de xantar veu a distensión da experiencia da mañá cunha espontánea festa musical nos corredores do liceo, na que tocaron e bailaron ata quedaren sen alento.

4º día, sábado 1 de agosto

.

O día amence con bastante chuvia. Isto é premonitorio de que vai haber cousas que non van saír como estaba previsto.

Non obstante levamos asemade a primeira alegría do día: Moxenas abre a portada de Ouest France cunha gran foto a cor, baixo este titular: “La Galice parade au Festival Interceltique”. Uxía sobrancea co seu sorriso e mirada alegre a parte central da foto arrodeada dos seus compañeiros.

Pola mañá imos realizar unha gravación na rúa, en directo, para a televisión France 3. A chuvia impide que se poida realizar en exteriores, que é onde teñen montado todo o equipo baixo unha pequena carpa. O programa é en directo, con entrevistas e reportaxes. Faise dende o lugar onde van saír todos os grupos que participarán no gran desfile pola cidade; serán 74 grupos de toda Europa.

En primeiro lugar sairán as bandeiras de todos os países presentes; alí estará Adrián levando a bandeira galega entre todas as demais. Este ano ten unha especial relevancia a presenza da nosa bandeira porque é o ano dedicado a Galicia no festival.

Despois das bandeiras irá unha gran banda anfitrioa da Bretaña francesa: a bagad de Lan-Bihoué. E seguidamente, detrás das bandeiras e da banda anfitrioa irá Moxenas desfilando, comandando xunto cos bretóns esta gran serpe multicultural e musical de 74 agrupacións que encherán as principais rúas da cidade durante o desfile.

Aproveitando o tempo, imos todos ver a competición de solistas de gaita ao palacio de congresos. Os rapaces de Moxenas gozaron admirando as marabillas que realizaban sobre as gaitas os concursantes. Gañou un galego coñecido de nós: Alberto Coia, aínda que Xurxo Fernández fixo poñer a pel de galiña coa súa interpretación da peza galega.

Despois tempo libre ata a hora de cear para pasear pola festa, algúns marcharon a mirar o concerto de Son de Seu.

Logo de cear fomos ver o gran espectáculo de bagads no estadio pola noite. O obxectivo principal é que os rapaces se familiarizasen co que terán que facer a partir deste domingo no mesmo lugar, durante catro noites.

Xa antes de que rematase, marchamos todos para a cama: mañá domingo espéranos o día máis longo do festival. Haberá que erguerse ás 6.45 h da mañá e non parar ata á unha e media da noite.


Entrade aquí na galería de imaxes deste día.

domingo, 2 de agosto de 2009

3º día, venres 31 de xullo

.

Primeiro día de actividade musical ne Lorient; chegar e empezar. Ás 10.30 da mañá xa estaba o grupo ensaiando no patio dianteiro do liceo. Despois de xantar todo o mundo estaba preparado para a primeira actuación: un pasarrúas pola cidade.

Antes de comezar houbo unha sesión fotográfica para a prensa; ao día seguinte Moxenas vai ser portada en Ouest France. Esta sesión fotográfica foi no porto deportivo: fotos sobre o pantalán, entre os barcos; fotos no peirao mentres se tocaban, obedecendo ao mesmo tempo as instrucións de posicionamento do fotógrafo.

Despois, volta ao lugar de partida do pasarrúas para afinar e saír.


A organización foinos conducindo polo centro da cidade, recollendo a atención e aplausos da xente. O final foi un pequeno recital de pezas nunha praza pública e despois pateada ata o liceo outra vez.

Oliveira colleu un quinteto e marchou con el a tocar a un dos actos principais do comezo do festival: a “cotriade”, unha cea á que acudiron máis de mil trescentas persoas. Tocaban inicialmente grupos da casa, bretóns, que levantaron o fervor incondicional do público; os cinco de Moxenas que subiron ao escenario sabían que tiñan un reto moi complicado despois do éxito local do grupo precedente. Oliveira infundiu tal ánimo e estratexia musical no pequeno quinteto que, non só levantaron o fervor e acompañamento de palmas do público cos solos de percusión de Miguel e Samuel, senón que puxeron a todo aquel auditorio en pé para vitorear a actuación do quinteto.

Mentres tanto, o resto do grupo aproveitou para divertirse ata a medianoite: uns marcharon ata a festa das carpas do centro da cidade e outros optaron por ficar no patio do liceo facendo a súa propia festa; dúas horas de xoldra continuada de música e baile montados espontaneamente. Adrián, o bailarín, tivo que ir ducharse de tanto que suou facendo troulear as mozas coas súas imparables danzas, ao tempo que os demais non pararon coas gaitas, pandeiretas, tambores e bombos.

Cando todo o mundo estivo de volta das súas ceifas, houbo reunión para programar o día seguinte.


Aqui podedes ver un vídeo do pasarrúas por Lorient

Podedes ver unha Galería de imaxes





Así recolleu a TV Ouest Production a entrada de Moxenas polas rúas de Lorient ao comezo do festival (a partir do minuto 4.45 do seguinte vídeo).

2º día, xoves 30 de xullo de 2009



A travesía de Francia faise unha interminable curva imperceptible de autoestrada continuada.

Estamos agora pasando a ponte sobre a enseada de Bordeos, son xa as 14.30 h. Levamos seis horas de viaxe e aínda estamos a metade de camiño. Hai demasiado tránsito na autoestrada. Imos de retención en retención, fileiras de lonxitudes impensables e incomprensibles que se perden de vista na distancia. Fileiras que se suman e engaden pola dereita e pola esquerda dende outras vías.

Estas autoestradas hai moito tempo que ficaron pequenas. É incrible atopar esta Francia que non imaxinabamos.

Xantamos nunha área de servizo, preto de Bordeos. Os rapaces van mirando películas ou tocando frautas na parte de atrás.

Continuamos camiño con máis e máis retencións e atraso de tempo que se acumula continuamente.

Por fin, preto de Nantes, o tráfico vaise facendo cada vez máis fluído e imos avanzando mellor.

Cando chegamos a Lorient, pasaran doce horas e media de viaxe, dende as oito e media da mañá que partimos ata as nove da tarde que chegamos.

Cea inmediata e ducha posterior con lecer merecido por uns minutos.

viernes, 31 de julio de 2009

Viaxe a Lorient

SAKATU BUTOIA

Na saída de Beade había chouteira de viaxe nos rapaces, miradas ilusionadas en todos aqueles pais e nais que animaban os seus fillos a unha aventura musical de catorce días entre os mellores grupos de Europa no Festival de Lorient. Serán moitos días de intensa actividade continuada que os farán dar un paso adiante na súa madurez como persoas e como músicos.

A viaxe é tranquila, repousada, ateigada de películas que nunca son do acordo de todos os gustos.

Xantamos nunha área recreativa en Camarzana de Tera, preto de Benavente. Un oasis de auga, prados e mesas sombreadas á beira do río Tera. A catro horas de autobús dende Vigo.

Ás 20.30 chegamos ao noso primeiro destino: Urnieta, na provincia de Donostia. Xa nos agardaban coa cea preparada e dúas horas de lecer ata a media noite. Sabendo como é a excitación da mocidade na primeira noite dunha viaxe, os responsables prestaron unha mínima atención polos corredores para que non houbese alborotos molestos, mais o comportamento foi impecable.

Urnieta é unha vila pequena, unha travesía urbana sen nada que salientar. A residencia salesiana na que nos aloxamos está na parte alta, rodeada de verde e con boas instalacións a pesar dos anos. Aínda se lembraban de nós tres anos antes cando deixamos a nosa pegada de sons galaicos nas súa pedras cunha serenata de gaitas e percusións que lle dedicamos á cociñeira galega que aquí traballa. Os nosos rapaces puxéranse no patio baixo a xanela das cociñas e fixeron soar melodías que atraeron a atención dela e fixeron saír as primeiras bágoas dunha terra tan distante mais tan presentida no corazón. Foi un momento máxico que algúns soñamos con ver repetido este ano outra vegada.

Cando marchamos pola mañá, ás 8.30, logo dun espléndido almorzo, recollemos na nosa retina aquel pequeno e enigmático letreiro apegado ao semáforo da saída da residencia, escrito nunha lingua tan fermosa e sonora como hermética e indescifrable: Sakatu butoia, “prema o botón”. Vía libre para Lorient.


Podedes acceder aquí a unha galería de imaxes

Tamén podedes ver un vídeo dalgúns momentos da viaxe.