martes, 4 de agosto de 2009

4º día, sábado 1 de agosto

.

O día amence con bastante chuvia. Isto é premonitorio de que vai haber cousas que non van saír como estaba previsto.

Non obstante levamos asemade a primeira alegría do día: Moxenas abre a portada de Ouest France cunha gran foto a cor, baixo este titular: “La Galice parade au Festival Interceltique”. Uxía sobrancea co seu sorriso e mirada alegre a parte central da foto arrodeada dos seus compañeiros.

Pola mañá imos realizar unha gravación na rúa, en directo, para a televisión France 3. A chuvia impide que se poida realizar en exteriores, que é onde teñen montado todo o equipo baixo unha pequena carpa. O programa é en directo, con entrevistas e reportaxes. Faise dende o lugar onde van saír todos os grupos que participarán no gran desfile pola cidade; serán 74 grupos de toda Europa.

En primeiro lugar sairán as bandeiras de todos os países presentes; alí estará Adrián levando a bandeira galega entre todas as demais. Este ano ten unha especial relevancia a presenza da nosa bandeira porque é o ano dedicado a Galicia no festival.

Despois das bandeiras irá unha gran banda anfitrioa da Bretaña francesa: a bagad de Lan-Bihoué. E seguidamente, detrás das bandeiras e da banda anfitrioa irá Moxenas desfilando, comandando xunto cos bretóns esta gran serpe multicultural e musical de 74 agrupacións que encherán as principais rúas da cidade durante o desfile.

Aproveitando o tempo, imos todos ver a competición de solistas de gaita ao palacio de congresos. Os rapaces de Moxenas gozaron admirando as marabillas que realizaban sobre as gaitas os concursantes. Gañou un galego coñecido de nós: Alberto Coia, aínda que Xurxo Fernández fixo poñer a pel de galiña coa súa interpretación da peza galega.

Despois tempo libre ata a hora de cear para pasear pola festa, algúns marcharon a mirar o concerto de Son de Seu.

Logo de cear fomos ver o gran espectáculo de bagads no estadio pola noite. O obxectivo principal é que os rapaces se familiarizasen co que terán que facer a partir deste domingo no mesmo lugar, durante catro noites.

Xa antes de que rematase, marchamos todos para a cama: mañá domingo espéranos o día máis longo do festival. Haberá que erguerse ás 6.45 h da mañá e non parar ata á unha e media da noite.


Entrade aquí na galería de imaxes deste día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario