viernes, 31 de julio de 2009

Viaxe a Lorient

SAKATU BUTOIA

Na saída de Beade había chouteira de viaxe nos rapaces, miradas ilusionadas en todos aqueles pais e nais que animaban os seus fillos a unha aventura musical de catorce días entre os mellores grupos de Europa no Festival de Lorient. Serán moitos días de intensa actividade continuada que os farán dar un paso adiante na súa madurez como persoas e como músicos.

A viaxe é tranquila, repousada, ateigada de películas que nunca son do acordo de todos os gustos.

Xantamos nunha área recreativa en Camarzana de Tera, preto de Benavente. Un oasis de auga, prados e mesas sombreadas á beira do río Tera. A catro horas de autobús dende Vigo.

Ás 20.30 chegamos ao noso primeiro destino: Urnieta, na provincia de Donostia. Xa nos agardaban coa cea preparada e dúas horas de lecer ata a media noite. Sabendo como é a excitación da mocidade na primeira noite dunha viaxe, os responsables prestaron unha mínima atención polos corredores para que non houbese alborotos molestos, mais o comportamento foi impecable.

Urnieta é unha vila pequena, unha travesía urbana sen nada que salientar. A residencia salesiana na que nos aloxamos está na parte alta, rodeada de verde e con boas instalacións a pesar dos anos. Aínda se lembraban de nós tres anos antes cando deixamos a nosa pegada de sons galaicos nas súa pedras cunha serenata de gaitas e percusións que lle dedicamos á cociñeira galega que aquí traballa. Os nosos rapaces puxéranse no patio baixo a xanela das cociñas e fixeron soar melodías que atraeron a atención dela e fixeron saír as primeiras bágoas dunha terra tan distante mais tan presentida no corazón. Foi un momento máxico que algúns soñamos con ver repetido este ano outra vegada.

Cando marchamos pola mañá, ás 8.30, logo dun espléndido almorzo, recollemos na nosa retina aquel pequeno e enigmático letreiro apegado ao semáforo da saída da residencia, escrito nunha lingua tan fermosa e sonora como hermética e indescifrable: Sakatu butoia, “prema o botón”. Vía libre para Lorient.


Podedes acceder aquí a unha galería de imaxes

Tamén podedes ver un vídeo dalgúns momentos da viaxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario